sábado, 23 de mayo de 2009

SENDEIRO DOS RÍOS DA FREIXA E DA MIÑOUBA

DÉIXOVOS A DESCRICIÓN DO SENDEIRO PARA QUE LLE BOTEDES UNHA OLLADA:

Comezamos o noso percorrido pola parroquia de Domaio desde a capela de San Bieito, ascendendo polo río da Freixa.
Xa dende o principio atopamos muíños de auga, en distintos estados de conservación. O sendeiro á beirado río da Freixa remata por debaixo do campo de Golf Domaio. A partir de aquí temos dúas posibilidades.
A primeira
delas é continuar ao carón do río ata o fermoso val de San Lourenzo, unha zona onde aínda pervive un modelo de asentamento baseado na agricultura tradicional, que se atopa en retirada na parte do litoral, pero que aínda ten vixencia nestas zonas altas, moito máis rurais.
A outra posibilidade, integrada na nosa ruta, é ir cara á dereita, por debaixo do campo de Golf, ata atopar o outro río da zona de Domaio, o da Miñouba, concretamente nunha zona denominada Poza da Moura, de grande interese natural e etnográfico, representado pola presenza de varios muíños, cunhas impresionantes canles, acuedutos e cubos para a entrada da auga. Situado por riba do corredor de gran capacidade do Morrazo, na zona do viaduto da Moura, ten tamén moi boas vistas da ría de Vigo.
Dende a Poza da Moura podemos cruzar a ponte que atravesa o corredor de gran capacidade do Morrazo, para chegar á zona coñecida como Pedra do Navío, onde atopamos unha antiga corte e un conxunto de muíños, que se nos van mostrando a medida que ascendemos por un camiño tradicional empedrado, e entre antigos muros de pedra.
Ao chegar ao último destes muíños, atopamos un camiño de baixada, tamén empedrado, que nos vai levando, mentres gozamos da fermosa paisaxe da ría de Vigo, ata a pasantía da Pasaxe, onde unha ponte de pedra recentemente reconstruída fai de paso e de espectacular miradoiro da fervenza do río da Miñouba, curso de auga estacional, que desaparece nas épocas máis secas.
Dende esta zona da Pasaxe, na que podemos refrescarnos nas súas dúas fontes e o lavadoiro, imos baixando, primeiro pola estrada, e despois por un camiño tradicional, antigamente o eixe das comunicacións da parroquia, entre muros de pedra e o murmurio da auga, ata a zona do Rial, onde atopamos unha antiga ponte de pedra de tres ollos, e o muíño do Rial, o único da zona que aínda moe asiduamente.
Dende este punto podemos coller de volta cara ao punto de partida, á capela de San Bieito, a través dunha rede de camiños tradicionais entre leiras de labranza, ou podemos baixar cara á estrada 551, á altura da igrexa de San Pedro, e dende ela iniciar un percorrido pola zona litoral, incluida na Rede Natura 2000, na zona coñecida como enseadade San Simón (LicEs1140016).
Este fermoso sendeiro circular pecharíase así cun percorrido pola costa, entre as desembocaduras dos ríos da Miñouba e da Freixa, ascendendo de volta por este ultimo ata a capela de San Bieito, o punto de partida da ruta.

Non sabemos cantos quilómetros son así que todos con bocadillo, ás 10.30h. en Domaio, na cafetería que queda á dereita, ao pasar un parque infantil,á esquerda (ide atentos despois da gasolineira que está ao saír de Rande).

Para saber máis sobre o sendeiro picade aquí

1 comentario:

moncho dijo...

Eu a esta non vou a ir. Pero pasadeo moi ben como seguro que faredes.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...